A terceira fase das obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade de Vista Alegre incluirá a rebaixa de cotas da calzada demandada polos veciños do barrio 15-07-2015

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, deu conta das modificacións que se introducirán no proxecto da fase III das obras de mellora da mobilidade e accesibilidade de Vista Alegre. Estes cambios recollen as demandas veciñais no relativo á rebaixa de cotas nas rúas Santa Comba, Noia e Bispo Diego Peláez. A intención do Goberno municipal é licitar canto antes este proxecto, co obxectivo de desenvolvelo en paralelo á fase I, incluída no programa Urbana Santiago Norte e que debe estar rematada a 31 de decembro.

Esta fase III, que será financiada con fondos municipais e que afecta fundamentalmente aos vieiros, incluirá coa modificación un rebaixe de cotas da calzada nas rúas Santa Comba, Noia e Bispo Diego Peláez, mellorando así a accesibilidade e a visibilidade dos baixos, limitada por uns muros que agora se eliminan.

Segundo indicou Jorge Duarte, vaise redactar o proxecto, cuxo custo estimou en 600.000 euros, co obxectivo de licitar a obra canto antes e así poder realizala en paralelo á fase I, financiada con fondos europeos no marco do Urbana Santiago Norte e que debe estar rematada a 31 de decembro de 2015. Lembrou que é necesario facer estas fase I e III en paralelo para que o resultado final sexa o desexado.

A realización destas fases I e III é a prioridade agora do seu Departamento, considerando incluso a posibilidade de retrasar o inicio da fase II, financiada con fondos municipais e xa adxudicada, pero cunha menor urxencia temporal.

Tamén en relación a estas obras, o concelleiro indicou que xa lle transmitiu desculpas á persoa lesionada por mor da falta de alumeado na ausencia de obras, así como ao presidente da asociación veciñal do barrio polas molestias sufridas. Xa se iniciaron os trámites para instalar a liña eléctrica temporal, que e empresa construtora debería ter colocado ata o final da obra, asegurando así a iluminación da zona afectada polos traballos.

Doce prazas de estacionamento máis en Quiroga Palacios
Jorge Duarte tamén aproveitou a rolda de prensa para comunicar o inicio das obras de reurbanización e de mellora da accesibilidade na avenida Quiroga Palacios o luns 20 de xullo. Os traballos realizaranse en catro fases, comezando pola parte próxima ao Seminario en dirección á avenida de Lugo, durante as que se cortará o tráfico, pero se garantirá en todo momento o acceso aos garaxes.

Finalmente e atendendo unha demanda veciñal, logrouse incorporar ao proxecto unha modificación que permitirá sumar 12 prazas de estacionamento nunha das marxes da rúa no espazo comprendido entre o Seminario Menor e o convento de Santa Clara. Deste xeito, as prazas efectivas eliminadas por esta reurbanización serán só 13.

Tamén en resposta á solicitude veciñal, reservarase o espazo para no futuro instalar colectores soterrados.