páxina de inicio de Urbana Santiago Norte |
Obter Adobe Flash player
Precízase ter javascript activado e Adobe Flash Player instalado, para visualizar correctamente esta páxina.

Instrumentos

No proxecto Urbana optamos por unha participación continuada e sostida no tempo. Durante todo o período de duración do proxecto, os cidadáns, os colectivos veciñais e asociacións poderán participar a través das diferentes canles que se poñan en marcha.

Os principais instrumentos de participación son os seguintes:

a) Instrumentos que facilitan a participación dos cidadáns a título individual:

  • Caixas de queixas e suxestións, nas que todas as persoas (físicas ou xurídicas) poderán presentar as queixas e suxestións que consideren oportunas respecto a melloras ou deficiencias na execución das medidas e accións proxectadas no Urbana. As caixas serán de natureza física e telemática (na páxina web do proxecto). En calquera caso, a presentación das queixas e suxestións poderase facer por calquiera dos medios descritos no Capítulo IV do Título VIII do Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Santiago de Compostela.Tamén poderán depositarse directamente nas Caixas de queixas e suxestións da Oficina Urbana Santiago Norte ou as ubicadas en outras dependencias municipais dos barrios da zona norte de Santiago. 
  • Urbana 2.0: Espazo onde o usuario/a poderá realizar as súas preguntas que o proxecto lle responderá, podendo outros usuarios/as facer aportacións que poderán ser validadas polo proxecto
  • Correo electrónico do proxecto como medio de comunicación e interacción directo entre a Oficina Urbana Santiago Norte e a cidadanía. Este instrumento non só facilita a iniciativa cidadá, é algo máis que unha caixa de queixas ou suxestións. O correo electrónico permitirá unha comunicación máis rápida e directa cos cidadáns e axentes sociais sendo ademais unha fonte de información adicional para os mesmos.
  • Coloquios/conferencias específicas: Impulsadas e coordinadas pola Oficina Urbana Santiago Norte e máis polos diferentes departamentos municipais, pretenden ser un instrumento máis directo e sobre o terreo que facilite a trasmisión de información e a interlocución cos veciños e axentes na execución de actuacións concretas. Realizaranse eventos cos representantes dos distintos sectores implicados nas que se aborden cuestións de interese. Segundo a natureza e os obxectivos da actividade proposta convocarase a organizacións sectoriais ou ao público en xeral.

b) Instrumentos que facilitarán a participación cidadán de xeito colectivo:

  • Creación do Órgano de Participación Cidadá do proxecto Urbana Santiago Norte: Para facilitar a participación colectiva no proxecto créase un Órgano de Participación Cidadá para coordinar a iniciativa social cidadá. Este Órgano permitirá dar cauce ao seguimento, realización de propostas e suxestións,  dos diferentes colectivos cidadáns con presenza na zona de intervención. Esta cooperación entre o Concello de Santiago de Compostela e os diversos axente veciñais, sociais e económicos realízase desde o convencemento de que resultará positiva para un óptimo desenvolvemento das accións do proxecto porque permitirá a máxima adecuación do mesmo ás necesidades da poboación da zona.

Filosofía

O Concello de Santiago de Compostela, trata de mellorar desde hai anos a comunicación entre a cidadanía e a institución municipal así como a participación que os cidadáns teñen na definición das diferentes políticas locais. O primeiro paso dado nese sentido foi a aprobación por acordo plenario de 4 de decembro de 1.998 do Regulamento de participación cidadá.

Nese documento establécense os principios fundamentais, as regras e os instrumentos dos que se dotará o Concello de Santiago para facilitar a participación cidadá con carácter xeral. 

O título primeiro do regulamento, fai referencia á Información e o dereito dos veciños á mesma en relación coa actividade municipal, así como dos medios dispoñibles para poder exercer este dereito. No título terceiro, establécese a regulación dos Consellos de Participación cidadá,  como órganos que facilitan a labor de participación cidadá e que son o Consello de Relacións Veciñais, o Consello Económico e Social e máis os Consellos Sectoriais ou de área. Por último, no Título cuarto fálase da iniciativa cidadá, a través da cal os cidadáns poden recabar do Concello a execución dunha determinada actividade de competencia e interese público municipal.

Son estes tres aspectos:

  • a información ao cidadán,
  • a participación (canalizada a través dun órgano de representación colectiva)
  • e a iniciativa cidadá,
os tres eixos sobre os que se construirá o sistema de participación cidadá no Programa Urbana

A partir do Regulamento Xeral de Participación Cidadá e tomando como base os principios que nel figuran, podemos fixar cales serían os principais obxectivos no proceso de participación cidadá que se pretende levar a cabo dentro do marco do proxecto Urbana Santiago Norte:
  • Facilitar a máis ampla información sobre as medidas, actuacións, obras e servizos prestados no marco do proxecto Urbana.
  • Facilitar e promover a participación dos veciños e entidades (axentes económicos e sociais) cos límites que a xestión dun proxecto cofinanciado polo FEDER e sometido ao seu regulamento como é o Urbana pode permitir.
  • Establecer mecanismos e instrumentos concretos que canalicen e fagan máis dinámico, sinxelo e práctico o proceso de participación cidadá e de intercambio de información.
  • Achegar a xestión do proxecto Urbana aos veciños e establecer un proceso participativo  respecto das intervencións concretas do proxecto, o que facilitaría á cidadanía un protagonismo activo no proceso de transformación e mellora dos seus barrios.
  • Recabar opinións e suxestións de todos os sectores implicados e afectados polas obras ou actividades desenvolvidas dentro das medidas do Urbana.
Finalmente, queremos facer unha mención especial ao papel que desempeñan nas novas tecnoloxías no proceso de participación cidadá do proxecto, adquirindo a páxina web un protagonismo central como ferramenta útil especialmente nos procesos de trasmisión de información á cidadanía sobre a situación e execución do proxecto e na canalización da iniciativa cidadá para ser recollida polos xestores das diferentes actuacións.